II Mestrado de Petanca 2024 Concello de Negreira
Do día 2 ao 5 de febreiro de 2024 realizarase o II Mestrado de Petanca Dirley Coral Concello de Negreira, un curso de formación arredor do deporte da petanca, no que máis de 60 persoas poderán mellorar a súa técnica de petanca nunha convivencia na Vila de Negreira, organizado polo C.P Negreira e patrocinado polo Concello de Negreira e Dirley Coral (operadora de loxística).
O curso contará coa participación de distintas personalidades do mundo da petanca como os franceses Philippe Quintais, Pilippe Suchaud, e outra figura francesa a confirmar nas próximas semanas. Así tamén contará cos españoles Sara Díaz, F.J Cardeñas e xuvenil convidado David Fernández de 15 anos de idade, todos con unha traxectoria de gran relevancia dentro do mundo da petanca e que impartirán clases maxistrais do día 2 ao 5 de febreiro de 2024 en Negreira.
O venres 2 de febreiro realizarase ás 20:30h unha partida exhibición, cuxa entrada será gratuita e aberta ao público en xeral, entre a tripleta francesa (Quintais, Suchaud e a figura a confirmar) e a española Dirley Coral (Díaz, Cardeñas e Fernández). Todo o curso conta co apoio incondicional do Concello de Negreira que recepcionará ao alumnado o sábado 3 nas instalacións do Concello e o patrocinio de Dirley Coral, e realizarase baixo unha carpa de maiores dimensións que as do curso do ano 2023.
O Mestrado afonda na técnica básica e avanzada co traballo de exercicios técnicos de moi diversa índole, tanto de tiro, de punto, como eleccións de estratexias no noso deporte. Vista a gran acollida do ano 2023 e a satisfacción entre o alumnado participante optouse por repetir este tipo de evento único en España.
Así espérase dar acollida en Negreira a deportistas de distintas comunidades autónomas de España como Andalucía, Castela e León, Asturias e Cataluña, así como alumnado procedente de Francia, Portugal, Irlanda e mesmo Ucraína.